Gonzalo Márquez Cristo en GALLEGO

Fotografía del autor: Alejandro Zenker 

Traducido ao galego: Yolanda Castaño
Poeta, narrador, ensaísta e editor. Naceu en Bogotá, Colombia, en 1963. Autor de: Apocalipsis de la rosa (1988), a novela Ritual de títeres (gañadora da Beca Colcultura en 1990), El Tempestario y otros relatos (1998), La palabra liberada (2001), Oscuro Nacimiento (2005), La morada fugitiva (2014), El Libro de la Tierra - Antología Mayor (2014) e Grandes entrevistas de Común Presencia (Premio Literaturas do Bicentenario, 2010). Ademais das antoloxías: Anticipaciones (2011), Liberación del origen (2003), e El legado del fuego (2010). 
Director da revista cultural Común Presencia e da colección de literatura Los Conjurados. Fundador e Editor Xeral do semanario virtual Con-Fabulación, que actualmente conta con 100.000 suscriptores.
Co-director do Día Mundial da Poesía (versión Colombia) instituído pola Unesco. Obtivo o Premio Internacional de Ensaio Maurice Blanchot (2007). A súa obra foi comentada por importantes poetas e pensadores do noso tempo como: E.M. Cioran, Roberto Juarroz, o galego José Ángel Valente, Bernard Noël, Fernand Verhesen, António Ramos Rosa, Alfredo Silva Estrada, Claude Fell, Roger Munier, Olga Orozco, Antonio Gamoneda, Eugenio Montejo, Claude Michel Cluny, Martha Canfield, Franco Volpi…

RESTITUCIÓNS

Pretendo que todo o perdido se convirta en poema.

As feridas coma os furacáns teñen nome. E aínda que ignoro por que ao meu redor nacen os abismos, dende a orixe fun asoballado pola felicidade, polo seu cumio inclemente.

As invasoras restas da lembranza. A loita da raíz. A antigüidade do silencio...

Non poño flores no cemiterio do soño, pero continúo a pesar de todas as areas movedizas do espíritu.

A culpa que non che deixa marchar é o amor.

E agora a néboa, a chuvia, a ausencia...

O desequilibrio chamado beleza, a terrible orfandade do sagrado, a rosa ígnea que me guía no desespero...

Sei que o camiño rematará por atoparme.

Coma todo o que se fai visible para morrer.



DESCENSO Á LUZ

A noite é o meu regreso. Transito o museo da ausencia.

Todo sufrimento é inútil para quen non persegue a poesía, para quen non alimenta cos seus ollos ás águias.

Exercito a sede. Amo tan só a quen non puiden salvar.

Xa non existe unha escuridade que guíe os nosos soños nin as pantasmas do desexo inconcluso; só o abxecto intercambio que suplantou ó rito.

Xa non procuro, perdo...

E nin sequera atopo lugar no abraio.

Non podo esquecer máis. Nin pretendo saber as tres respostas agachadas pola morte.

Aquí ninguén carece do odio necesario para recobrar o paraíso, nin confesa a súa ruda caída no día.

Hei de ser sombra ou berro. Retorno ou nacemento.

Cada orixe decretará a abolición do eu.

Só entón a respiración será verde.

E aínda que todo llo deba á dor... Avanzo: caio. Elixo os camiños que non teñen final. As voces que incendian as tebras. O poema.

Ti sábelo, corpo estremecido:

Non é no tempo onde puxen as palabras.


TESTAMENTO DA AUGA

Ás veces unha páxina é a pel das ausentes
Ás veces en follas de carne anoto os meus silencios
Ás veces escribo nos idiomas da morte.


O LIBRO DA AUGA

Nunca deixarei de te perseguir, sagrado delirio. Nin cando sobreveña a paz dos inxustos. Nin cando esperte na escuridade entre cascallos do desexo.

Non é no lume, nin sequera na terra, onde ten escrito o tempo: coñezo o seu libro fuxitivo.

Todo o que pretendo cantar non pertence á vida.

A maré segue a preguntar e eu suscito escuridades, ata que alguén me entregue os seus límites.

Aínda procuro o que buscaba.

Non sei se o poema serve contra o medo. Non sei se algún día existirá quen poda amar aos que reinan. Non sei se o home seguirá oficiando en altares devastados.

Mais comezaremos por cobrar todo canto nos debeda o silencio. Compartiremos a nosa sede.

O verdadeiro despoxamento é o que conduce á orixe. A luz é tan recente...

As miñas palabras caen coma sementes. Os meus ollos xa foron sementados.

Aquí ao meu carón, neste deserto populoso, alguén descoñece a man que se precisa para morrer.